A Deputación confirma que o Museo de Pontevedra volve formar parte da Comisión Permanente do Consello Galego de Museos

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, será vogal do Consello Galego de Museos

24/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de confirmar que o Museo de Pontevedra volve formar parte da Comisión Permanente do Consello Galego de Museos. A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, foi elixida na última Asemblea do Consello Galego de Museos, que tivo lugar neste mes de abril, como vogal da súa Comisión Permanente e acaba de aceptar formalmente a súa designación coa vixencia de catro anos.  

Esta nova trátase dun paso máis no marco da aposta do vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, de avanzar para converter Pontevedra “nunha gran capital cultural na que o Museo de Pontevedra sexa o seu faro”. Deste xeito, Domínguez recordou que o novo equipo directivo do Museo de Pontevedra ten deseñado xa un amplo programa expositivo para 2024, está a traballar para organizar unha Bienal de Arte en 2025 de “altísima calidade”, e avanza na posta en marcha dun proxecto museístico global e na apertura dalgúns dos seus edificios que levan unha década pechados.

O Consello Galego de Museos é unha plataforma estable de coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas. Xurdiu a partir do primeiro Coloquio de Museos Galegos, en 1981, onde se formulou o propósito de constituír unha plataforma estable para “a coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas”. En 1983 formalízase a creación deste consello de Museos e en 1990 adquire o estatuto legal mediante a fórmula de asociación de ámbito galego. Forman parte do Consello os museos da Capela, A Coruña, Allariz, Amoeiro, Betanzos, Bueu, Castro de Rei, Cervo, Corcubión, A Fonsagrada, Friol, Lugo, Melide, Mondoñedo, Oseira, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Santiago de Compostela, Vigo, Vilalba, Vilanova de Lourenzá e Vilar de Santos.